viernes, 5 de junio de 2009

Construindo novas


Opinión sen condición. Comunicación en cru. Libres de palabra. Estas eran algunhas das frases coas que os internos que participan no taller de radio do Centro Penitenciario da Lama titulaban o noso primeiro encontro. Era unha maneira de expresar as ganas de comunicar que teñen alí dentro. E o primeiro exercicio sobre o papel non defraudou.

Abre o fogo unha das dúas únicas mulleres que forman parte do grupo. É romanesa, pero fala e escribe un español fluído. O módulo convivencial de mulleres é o tema que elixiu. Non é casualidade. Aquí dentro case todos teñen ganas de contar como é o seu día a día. Como Manuel. El fala sobre as últimas eleccións que se celebraron para elixir ó coordinador do módulo. O obxectivo deste primeiro exercicio é ver a capacidade de comunicación dos internos. Que temas preocúpanlles, como se posicionan perante eles. Ó tempo, imos comprobando quen se implica realmente no taller e descubrimos algúns talentos en potencia. Sorprende, nalgúns casos, a corrección na construción das noticias que lles encargamos redactar. Apreciamos boas voces. Algunhas delas estarán en antena en poucos meses, cando a ansiada emisora de radio do Centro Penitenciario comece a súa andaina.

A clase é fluída, todos mostran interese por participar, preguntar, tomar a palabra. Pero agora chega o momento de escoitar. Dous dos xornalistas que coordinan o taller de radio traeron algúns dos informativos e reportaxes que elaboran a diario para que os alumnos comproben como se traslada ó medio radiofónico aquilo do que falamos na última clase.

Chegamos ó ecuador do curso. Apenas quédannos outras tres xornadas de traballo para capacitar ó grupo e dotarlle das ferramentas necesarias para poñer en marcha a súa emisora. E parece que a cousa funciona. Repartimos a tarefa para a próxima semana. Exercicios de respiración e vocalización que poñeremos en práctica no noso próximo encontro. A maioría recoñece que participa no taller por curiosidade, chámalles a atención o mundo da radio, queren saber que se sente á outra beira do micrófono. Pronto comprobarano. Agora chega o traballo de verdade: elaborar a escaleta do que será o seu propio programa, definir contidos e funcións… Converterse, en definitiva, en altofalantes das súas vidas, do que ocorre nesta especie de microciudad que é o Centro Penitenciario.

No hay comentarios:

Publicar un comentario