lunes, 29 de junio de 2009

Quebrapalabras


Había casi un mes que o obradoiro de radio cos internos do Centro Penitenciario de A Lama estaba paralizado. Compromisos dos xornalistas que participamos nel e dos propios internos impedíronnos acudir á nosa cita nas últimas semanas. Pero tras casi un mes sen cruzar as interminables portas de seguridade que nos separan, regresamos coas mesmas ganas. Tanto nós coma eles.

Na nosa última clase quedara pendente un exercicio que puxemos en práctica desta volta. A respiración, a entonación, a vocalización… son termos fundamentais na radio. Despois das primeras clases teóricas, chega o momento de observar e, sobre todo, escoitar ós nosos alumnos. Axudarlles a que controlen o aire para non afogar diante do micro, algunha técnica divertida para facilitarlles a vocalización… Destas cousas ocupámonos nesta cuarta xornada do obradoiro.

Resulta moi gratifante comprobar como despois deste tempo sin vernos, casi tódolos alumnos chegan co exercicio na man e dispostos a participar. Comezamos coa respiración. Deben aprender a inspirar e expulsar correctamente o aire. A clase é coma a hora do recreo. Divertidos, poñémonos todos en pé e enchemos as nosas barrigas de aire e expulsamolo ó tempo que vamos recitando en voz alta un dos exercicios para comprobar a súa resistencia. Todos están en boa forma, mellor incluso que as dúas xornalistas que os “poñemos a proba”. Nós afogamos antes ca eles…

A vocalización é unha das probas que máis problemas nos dá. Algún dos participantes recoñece ter problemas para pronunciar correctamente o “erre”. É bo identifica-las carencias de cada un para tratar de arranxalas. A primeira lectura en voz alta é correcta. Pero cando chega o momento de volver ler un texto, desta volta cun bolígrafo colocado transversalmente na boca, a cousa cambia. É o clásico exercicio de vocalización que nos ensinan nas facultades de xornalismo, pero non perde vixencia. Nin pola súa efectividade nin polo divertido que sempre resulta. Ler con semellante obstáculo na boca non resulta doado, pero deso se trata. De ser capaz de enfrontarse a un texto en voz alta malia calquera dificultade. As risas apenas nos deixan continuar… Aprender e rir, ese é o noso obxectivo… e semella que se cumple. A lectura doutro texto, un prospecto dun medicamento, surte o mesmo efecto. Resulta un auténtico quebrapalabras. Precisamente con este pequeno xogo pechamos a clase de hoxe, que resultou ser un pouco máis breve do habitual. Tres tristes tigres… pablito clavó un clavito… parecemos nenos tratando de ler estes enmarañados textos. O último da quenda en ler sorprende pola facilidade coa que recita un dos peores quebrapalabras do exercicio: todos aplaudimos… pero deseguida recoñece que, por ser o último, tivo tempo para ir practicando…. Astucia. Imprescindible, tamén, nesta profesión nosa. Parece que esto funciona. Xa queda menos para que se senten diante do micro.

No hay comentarios:

Publicar un comentario