lunes, 2 de noviembre de 2009

“A Radio”




O tempo transcorre despacio en lugares como un centro penitenciario. Despois dun parón estival demasiado prolongado, voltamos cruzar as interminables portas de seguridade do cárcere da Lama. Semella que nada mudou nestes casi tres meses. Antes de reunirnos cos alumnos do obradoiro de radio, visitamos as instalacións do estudo que se está a construir no módulo de Enfermeiría grazas ás aportacións económicas da Fundación Barrié. Dúas portas dunha cor laranxa viva e unha grande A presiden a entrada ó estudio. A de “A Lama”. Radio A Lama. Xa teñen nome propio.

Cruzar esas dúas portas é algo máxico. Inaugurar un estudio de radio é un privilexio ó alcance de poucos. Privilexio para todos aqueles que amamos o medio. Cheira a novo. As portas relocen acabadas de barnizar, as mesas da redacción agardan a que alguén se sente para perxeñar un programa de radio. Cinco micrófonos sobre a mesa, esperando tamén que alguén conte as primeiras historias… Os xornalistas que impartimos o módulo estamos emocionados. Estamos desexando ver que sentirán os internos cando se senten aquí por vez primeira, cando salga ó aire o primeiro programa de Radio A Lama.

Pi, pi, pi….. Sonan os sinais horarios. Un tanto improvisados, eso si. De feito, cantados por Estrella López, unha das xornalistas que coordinan o obradoiro. Hoxe van ler o seu primeiro informativo. Están un tanto nerviosos. Nós rompemos o xeo e improvisamos un pequeno boletín de novas para que vexan como debe ser a lectura, o ritmo, a entonación… Cando toca o seu turno, Mariana é a primeira en ofrecerse voluntaria, coma sempre. Derrocha vitalidade e ganas de aprender. Tras dela, o resto dos internos estrean micrófono. Vamos polo bó camiño. A meirande parte deles amosan xa actitude perante o micro, aprenden a sentarse, a face-las pausas precisas para respirar, a presentar e despedir un informativo. Algo tan básico para as persoas que traballamos no medio supón para eles un mar de novidades. Preguntan, fan aportacións, suxerencias, propoñen dúbidas.. Ogallá moitos alumnos das facultades de xornalistas tiveran ese afán.

Hoxe na clase hai caras novas. Ben. Miguel e Camilo súmanse a esta aventura radiofónica e parecen emocionados. Nas últimas ringleiras da aula vemos catro mulleres que asisten tamén por vez primeira. Voces femininas, necesarias para este proxecto. Invitámolas a presentarse e a que nos conten o por que da súa incursión no obradoiro. Lamentablemente, tres delas recoñecen que non están motivadas para estar aquí, que a súa asistencia é recomendada e que non teñen pensado participar. Con todo, vemos como nalgúns momentos esbozan un sorriso… Non todo está perdido, esperamos que pouco a pouco acaben por sentir a chamada da radio e participen de bó grao. Comprobamos tamén algunhas ausencias significativas.

A convivencia nun lugar como este non é doada. Xorden malosentendidos, enemistades, fórmanse grupos liderados por aqueles que teñen unha personalidade máis acusada. Ás veces esas personalidades poden exercer influencias negativas sobre o resto. Semella que temos un pequeno “elemento subversivo” no grupo que trata de poñerlle trabas ó traballo que estamos a realizar. Coa axuda dos educadores sociais do centro, trataremos de canalizar este contratempo para que o grupo non saia perxudicado por actitudes individualistas.

A clase transcorre rápida, coma todas. Semella que cando se pasa un rato agradable, o tempo pasa sen que nos decatemos. Chega o momento das despedidas e de novo Mariana salta da súa cadeira para despedirse das “miñas profes”. Aquí aprendemos algo máis que radio.

(A fotografía recolle o novo estudio de radio da cárcel de A Lama durante a visita dos membros da ONG Agareso e dun dos responsables do programa formativo)

(No vídeo podemos ver un momento da clase do taller de radio)

No hay comentarios:

Publicar un comentario