lunes, 1 de marzo de 2010

O nacemento de "A" Radio

Pouco a pouco a formación vai dando os seus frutos.
Algúns dos nosos alumnos comezaron xa a formar parte da nova equipa da tertulia que Agareso Radio está a desenrolar na prisión de A Lama.
Outros todavía teñen moito que aprender. E é que comezou un novo ano e con él novas caras no obradoiro. Eles serán agora o xermen do futuro, non só da tertulia senón tamén de "A" Radio, a nova canle que, para disfrute de tódolos internos da prisión, xa comezou a ofrecer as súas emisións.
É para nós unha satisfacción continuar a ver rostros coñecidos nas nosas clases que agora están a traballar na emisora local da prisión de A Lama. Queren seguir aprendendo e preguntan e se interesan pola mellor fórmula de comunicación.
"¿Podo usar unha cifra para iniciar un titular?", dinos Mariana. "Non é recomendable", contestámoslle. "Son moitas as razóns". Continuamos.
E así unha e outra pregunta sobre cómo facer a información atractiva e sobre todo, entendible para os oíntes.
Comprometémonos con eles para comenzar a contar con profesionais dos diferentes ramos nas clases. Sabemos que iso vai ser moi atractivo para eles.
E mentras, os internos siguen a celebrar o nacemento de "A" Radio, unha canle que lles permite porse en contacto os uns cos outros. "De feito, a sección de peticións de cancións ten tanta aceptación e solicitudes que teremos que aumentar a súa duración", cóntanos un dos membros da redacción da emisora.
Están emocionados, contentos e animados.
Os nosos alumnos apóianos, e así, xa prepararon un target para saber a qué hora se escoita máis a radio e se son máis as mulleres ou os homes os que se interesan por ela. Con ese estudio tamén descubriron cales son as preferencias radiofónicas dos internos: se a música, se o humor...
E seguirán traballando. Tódolos inicios son difíciles, pero o certo é que cando se toman con tanta ilusión é fácil que as cousas vaian ben. Moito ánimo e a seguir aprendendo, que é algo que nunca está de máis.

jueves, 7 de enero de 2010

Da teoría á práctica: chega o momento da verdade

Os nosos alumnos xa están a descubrir o que significa sentarse "de verdade" ante un micro.

Tras máis de seis meses de clases teóricas, de imaxinarse o que son os micros, as mesas de mezclas e a cabina de grabación, agora teñen xa un lugar onde por en práctica tódolo aprendido.

Sen embargo, son conscientes de que aínda teñen moito que aprender

Un dos seus primeiros retos foi preparar unha importante entrevista cunha diputada socialista que visitou, durante este Nadal, o centro penitenciario de A Lama.

Nun primer intre pensaron que a entrevista a tería que facer somente unha persoa. Ao final entenderon que son unha equipa e que teñen todos moito que ofrecer uns aos outros.

Entenderon que unha boa entrevista non xurde de a nada. Que antes de sentarse ante unha persoa hai que coñecela un pouco; hai que falar con ela uns minutos antes; hai que crear unha atmósfera de complicidade e, sobre todo, hai que saber qué se lle vai preguntar. E para iso hai que informarse, por sobre a mesa diferentes preguntas e, ao final, elexir as que se lle van a facer.

Un traballo de pre-producción moi importante que os nosos alumnos fixeron en conxunto, e que, o final, deu o seu fruto.

Pero as cousas non quedan aquí... Aínda terán que cruzar moitas portas e gañar pequenas etapas do seu viaxe antes de que tódalas pezas encaixen. Pero o obxectivo é claro: conseguir a mellor das radios posibles: a Radio do Módulo 8.

domingo, 27 de diciembre de 2009

En Otra Onda: 'Reinsercción e liberdade'

A participación de varios internos/as do centro penitenciario de A Lama nun faladoiro semanal motivo á dirección, algúns funcionarios, voluntarios e membros de Agareso a pór en marcha unha emisora de radio propia. Tras varios meses, o sono transformouse nunha realidade, e son os mesmos presos os que xestionan a realización de programas con carácter diario. Pero, cada semana reciben formación dos profesionais da ONG Agareso para garantir o futuro do proxecto. O faladoiro que orixino este interesante proxecto, agora, tamén lle grava nestes estudos e é emitida en AG - Radio: http://www.agareso.org/

lunes, 7 de diciembre de 2009

Os presos de A Lama “practican” o debate




A Lama.- Chegou o momento de por en marcha as prácticas de todo o que estivemos a traballar neste obradoiro de radio xunto aos internos da prisión de A Lama en Pontevedra.

Tras emular aos informativos de calqueira emisora da radio española, os nosos alumnos comenzaron a desenrolar os xéneros radiofónicos. En primeiro lugar: o debate.

Teresa del Río explícalles que o máis importante dun debate é o moderador, unha persoa imparcial que sepa medir o tempo e que poña a cada un dos participantes na mesa no seu sitio cando as palabras comezan a subir de ton.

Carlos anímase a ser esa persoa, a convertirse no moderador.

Pero aínda quédanos decidir cal vai a selo tema do debate. Sen sabelo, os nosos alumnos non queren posicionarse. E finalmente, tras varias sugerencias, deciden falar dun tema que lles toca de cerca: o sentido e a funcionalidade dos módulos convivenciais nos cárceres españoles.

Uns anímanse a falar ben destes módulos especiais onde os presos firman un compromiso de respeto e cumplimento das normas para o auto goberno desta zona da prisión, así como aceptan a exixencia de non consumir drogas.

Sen embargo, a outros non lles parecen funcionais, xa que non sirven para reducila pena ou gañar beneficios penitenciarios.

Dous tertulianos a un lado. Dous ao outro. E no medio, Carlos, que vai dando turnos a uns e outros. Sube o ton do debate e o final, cando o tempo remata, cada un insiste na súa postura.

O outro lado da mesa, o resto dos alumnos, que actúan como se foran ointes da radio. Uns participan en alto intentando facerse escoltar no debate. Outros debaten, según o que din os ponentes da mesa, entre eles. Pero saben que nada teñen que facer. O debate estase a producir na “ficticia” Radio do Módulo 8, e alí, nesa mesa irreal, danse a mano os cinco que participaron na tertulia.

Remata a actividade deste sábado. Os presos despídense. Están satisfeitos coa actividade desenrolada hoxe. Gústalles ir avanzando. Na próxima xornada saben que terán que enfrentarse a un entrevistado.

E é que a próxima clase centrarase nun dos xéneros máis complexos e difíciles do audiovisual: a entrevista. Desexámoslles sorte.

lunes, 2 de noviembre de 2009

“A Radio”




O tempo transcorre despacio en lugares como un centro penitenciario. Despois dun parón estival demasiado prolongado, voltamos cruzar as interminables portas de seguridade do cárcere da Lama. Semella que nada mudou nestes casi tres meses. Antes de reunirnos cos alumnos do obradoiro de radio, visitamos as instalacións do estudo que se está a construir no módulo de Enfermeiría grazas ás aportacións económicas da Fundación Barrié. Dúas portas dunha cor laranxa viva e unha grande A presiden a entrada ó estudio. A de “A Lama”. Radio A Lama. Xa teñen nome propio.

Cruzar esas dúas portas é algo máxico. Inaugurar un estudio de radio é un privilexio ó alcance de poucos. Privilexio para todos aqueles que amamos o medio. Cheira a novo. As portas relocen acabadas de barnizar, as mesas da redacción agardan a que alguén se sente para perxeñar un programa de radio. Cinco micrófonos sobre a mesa, esperando tamén que alguén conte as primeiras historias… Os xornalistas que impartimos o módulo estamos emocionados. Estamos desexando ver que sentirán os internos cando se senten aquí por vez primeira, cando salga ó aire o primeiro programa de Radio A Lama.

Pi, pi, pi….. Sonan os sinais horarios. Un tanto improvisados, eso si. De feito, cantados por Estrella López, unha das xornalistas que coordinan o obradoiro. Hoxe van ler o seu primeiro informativo. Están un tanto nerviosos. Nós rompemos o xeo e improvisamos un pequeno boletín de novas para que vexan como debe ser a lectura, o ritmo, a entonación… Cando toca o seu turno, Mariana é a primeira en ofrecerse voluntaria, coma sempre. Derrocha vitalidade e ganas de aprender. Tras dela, o resto dos internos estrean micrófono. Vamos polo bó camiño. A meirande parte deles amosan xa actitude perante o micro, aprenden a sentarse, a face-las pausas precisas para respirar, a presentar e despedir un informativo. Algo tan básico para as persoas que traballamos no medio supón para eles un mar de novidades. Preguntan, fan aportacións, suxerencias, propoñen dúbidas.. Ogallá moitos alumnos das facultades de xornalistas tiveran ese afán.

Hoxe na clase hai caras novas. Ben. Miguel e Camilo súmanse a esta aventura radiofónica e parecen emocionados. Nas últimas ringleiras da aula vemos catro mulleres que asisten tamén por vez primeira. Voces femininas, necesarias para este proxecto. Invitámolas a presentarse e a que nos conten o por que da súa incursión no obradoiro. Lamentablemente, tres delas recoñecen que non están motivadas para estar aquí, que a súa asistencia é recomendada e que non teñen pensado participar. Con todo, vemos como nalgúns momentos esbozan un sorriso… Non todo está perdido, esperamos que pouco a pouco acaben por sentir a chamada da radio e participen de bó grao. Comprobamos tamén algunhas ausencias significativas.

A convivencia nun lugar como este non é doada. Xorden malosentendidos, enemistades, fórmanse grupos liderados por aqueles que teñen unha personalidade máis acusada. Ás veces esas personalidades poden exercer influencias negativas sobre o resto. Semella que temos un pequeno “elemento subversivo” no grupo que trata de poñerlle trabas ó traballo que estamos a realizar. Coa axuda dos educadores sociais do centro, trataremos de canalizar este contratempo para que o grupo non saia perxudicado por actitudes individualistas.

A clase transcorre rápida, coma todas. Semella que cando se pasa un rato agradable, o tempo pasa sen que nos decatemos. Chega o momento das despedidas e de novo Mariana salta da súa cadeira para despedirse das “miñas profes”. Aquí aprendemos algo máis que radio.

(A fotografía recolle o novo estudio de radio da cárcel de A Lama durante a visita dos membros da ONG Agareso e dun dos responsables do programa formativo)

(No vídeo podemos ver un momento da clase do taller de radio)

sábado, 31 de octubre de 2009

Outubro de 2009: regresa a radio do módulo 8




Regresa a radio do módulo 8. E regresa con forza. Os internos do cárcere de A Lama xa teñen o seu estudio case a punto.

O locutorio prácticamente está xa completado. A redacción tamén. E eles xa están deseñando a súa escaleta, a parrilla na que reflexarán os programas que, durante todo o verán, estiveron a preparar. Novas cada hora, música, deportes, entrevistas e moito humor conforman unha programación que pronto verá a luz e que poderán escoitar tódolos seus compañeiros da prisión.

Pero aínda teñen moito que aprender. E por iso AGARESO retomou as clases de formación destes vinte presos que queren aprender e desexan que a Radio de A Lama sexa unha realidade.

A primeira clase serve para retomalo contacto perdido durante estes dous meses de vacacións. Tamén para recordar tódolo ensinado o pasado curso. E por suposto, para expor, sobre a mesa, as dúbidas que se presentaron durante o deseño dos seus programas.

A nosa satisfacción: o seu desexo de mellorar e de que o que saia as ondas en breve sexa o suficientemente atractivo para que os seus compañeiros de cárcere non movan o dial.


(Na foto os membros do equipo de AGARESO que imparten as clases de radio na prisión de A Lama xunto a porta do novo estudio da emisora da cárcere)

sábado, 11 de julio de 2009

Primeiras prácticas ante o micrófono