lunes, 29 de junio de 2009

Quebrapalabras


Había casi un mes que o obradoiro de radio cos internos do Centro Penitenciario de A Lama estaba paralizado. Compromisos dos xornalistas que participamos nel e dos propios internos impedíronnos acudir á nosa cita nas últimas semanas. Pero tras casi un mes sen cruzar as interminables portas de seguridade que nos separan, regresamos coas mesmas ganas. Tanto nós coma eles.

Na nosa última clase quedara pendente un exercicio que puxemos en práctica desta volta. A respiración, a entonación, a vocalización… son termos fundamentais na radio. Despois das primeras clases teóricas, chega o momento de observar e, sobre todo, escoitar ós nosos alumnos. Axudarlles a que controlen o aire para non afogar diante do micro, algunha técnica divertida para facilitarlles a vocalización… Destas cousas ocupámonos nesta cuarta xornada do obradoiro.

Resulta moi gratifante comprobar como despois deste tempo sin vernos, casi tódolos alumnos chegan co exercicio na man e dispostos a participar. Comezamos coa respiración. Deben aprender a inspirar e expulsar correctamente o aire. A clase é coma a hora do recreo. Divertidos, poñémonos todos en pé e enchemos as nosas barrigas de aire e expulsamolo ó tempo que vamos recitando en voz alta un dos exercicios para comprobar a súa resistencia. Todos están en boa forma, mellor incluso que as dúas xornalistas que os “poñemos a proba”. Nós afogamos antes ca eles…

A vocalización é unha das probas que máis problemas nos dá. Algún dos participantes recoñece ter problemas para pronunciar correctamente o “erre”. É bo identifica-las carencias de cada un para tratar de arranxalas. A primeira lectura en voz alta é correcta. Pero cando chega o momento de volver ler un texto, desta volta cun bolígrafo colocado transversalmente na boca, a cousa cambia. É o clásico exercicio de vocalización que nos ensinan nas facultades de xornalismo, pero non perde vixencia. Nin pola súa efectividade nin polo divertido que sempre resulta. Ler con semellante obstáculo na boca non resulta doado, pero deso se trata. De ser capaz de enfrontarse a un texto en voz alta malia calquera dificultade. As risas apenas nos deixan continuar… Aprender e rir, ese é o noso obxectivo… e semella que se cumple. A lectura doutro texto, un prospecto dun medicamento, surte o mesmo efecto. Resulta un auténtico quebrapalabras. Precisamente con este pequeno xogo pechamos a clase de hoxe, que resultou ser un pouco máis breve do habitual. Tres tristes tigres… pablito clavó un clavito… parecemos nenos tratando de ler estes enmarañados textos. O último da quenda en ler sorprende pola facilidade coa que recita un dos peores quebrapalabras do exercicio: todos aplaudimos… pero deseguida recoñece que, por ser o último, tivo tempo para ir practicando…. Astucia. Imprescindible, tamén, nesta profesión nosa. Parece que esto funciona. Xa queda menos para que se senten diante do micro.

viernes, 5 de junio de 2009

Construindo novas


Opinión sen condición. Comunicación en cru. Libres de palabra. Estas eran algunhas das frases coas que os internos que participan no taller de radio do Centro Penitenciario da Lama titulaban o noso primeiro encontro. Era unha maneira de expresar as ganas de comunicar que teñen alí dentro. E o primeiro exercicio sobre o papel non defraudou.

Abre o fogo unha das dúas únicas mulleres que forman parte do grupo. É romanesa, pero fala e escribe un español fluído. O módulo convivencial de mulleres é o tema que elixiu. Non é casualidade. Aquí dentro case todos teñen ganas de contar como é o seu día a día. Como Manuel. El fala sobre as últimas eleccións que se celebraron para elixir ó coordinador do módulo. O obxectivo deste primeiro exercicio é ver a capacidade de comunicación dos internos. Que temas preocúpanlles, como se posicionan perante eles. Ó tempo, imos comprobando quen se implica realmente no taller e descubrimos algúns talentos en potencia. Sorprende, nalgúns casos, a corrección na construción das noticias que lles encargamos redactar. Apreciamos boas voces. Algunhas delas estarán en antena en poucos meses, cando a ansiada emisora de radio do Centro Penitenciario comece a súa andaina.

A clase é fluída, todos mostran interese por participar, preguntar, tomar a palabra. Pero agora chega o momento de escoitar. Dous dos xornalistas que coordinan o taller de radio traeron algúns dos informativos e reportaxes que elaboran a diario para que os alumnos comproben como se traslada ó medio radiofónico aquilo do que falamos na última clase.

Chegamos ó ecuador do curso. Apenas quédannos outras tres xornadas de traballo para capacitar ó grupo e dotarlle das ferramentas necesarias para poñer en marcha a súa emisora. E parece que a cousa funciona. Repartimos a tarefa para a próxima semana. Exercicios de respiración e vocalización que poñeremos en práctica no noso próximo encontro. A maioría recoñece que participa no taller por curiosidade, chámalles a atención o mundo da radio, queren saber que se sente á outra beira do micrófono. Pronto comprobarano. Agora chega o traballo de verdade: elaborar a escaleta do que será o seu propio programa, definir contidos e funcións… Converterse, en definitiva, en altofalantes das súas vidas, do que ocorre nesta especie de microciudad que é o Centro Penitenciario.

sábado, 23 de mayo de 2009

Intimando coas ondas


Regresamos ao módulo 8. Hoxe hai partido de veteranos e algúns dos rapaces chegarán máis tarde á clase. Sen embargo, a maioría xa se atopan sentados nos seus pupitres e tomamos a decisión de iniciar a sesión. Hoxe temos por diante un dos temas máis importantes: os xéneros informativos. Sobre o encerado, debuxadas, as diferencias entre unha noticia, unha reportaxe e un magazine.

Moitos sorpréndense de que unha rolda de prensa dunha hora deba ser concretada en tan só cincuenta segundos para facer unha noticia. Deixámoslles claro: iso é a radio. "O tempo é ouro e ás veces, un auténtico inimigo", xa que podes encontrarte con cinco minutos por diante nos que non tes nada que ofrecer ó oínte.

Por iso dicémoslles que fronte a un micrófono é tan importante a formación como a creatividade. “Debemos ser capaces de xogar cos silencios, coa música… ata co ruído”.

“É importante acompañar a unha reportaxe cun son acorde co que queremos dicir. Se falamos da etnia xitana non incluiremos música de discoteca, e se o que queremos transmitir é unha sensación de tristura porque narramos un acontecemento lúgubre non podemos poñer unha canción pop. É importante axeitar o contido e o continente e para iso é importante ter algún coñecemento musical… e sobre todo, sensibilidade”, explica Juan de Sola.

Neste senso, algúns reclusos preguntan: “¿É así como se chega ó oínte?”. “Si, sen dúbida”, respondémoslle. “Hai que lograr que sentan o que nós lle dicimos. Que se rían connosco, que choren, que se enfaden… ás veces se consegue e ás veces non”.

Aínda queda moito por facer e por aprender. Teresa del Río márcalles un exercicio para a próxima semana: facer unha noticia… de calquera cousa, do que queiran.

Antes de irnos facemos un exercicio: imos poñer en marcha unha entrevista. Nosos 20 alumnos teñen que facernos interpelaciones: “¿Por que estudastes xornalismo?”, “¿En cuántas radios traballachedes?”. Son as primeiras preguntas. Ós poucos vanse introducindo máis nas nosas vidas: “¿Cal foi a noticia que máis te custou dar?” “¿Como afrontas ser muller e enfrontarche a certas situacións na rúa?”.

Foi, sen dúbida, de novo unha gran experiencia. O tempo foísenos voando.

sábado, 16 de mayo de 2009

Primera xornada: o encontro


Son as once da mañá. A sala de espera do cárcere da Lama está chea de xente. Veñen a visitar aos seus familiares: aos seus pais, os seus irmáns, as súas fillas... Pero nós atravesamos a sala cara ao acceso da prisión. O noso obxectivo é unha pequena salita nun dos módulos destas instalacións penitenciarias. Alí espérannos unha vintena de presos. Algúns deles xa coñecen o mundo da radio. Incluso hai quen traballou nela durante anos. Sen embargo, todos queren escoitar o que nós, xornalistas audiovisuais, temos que contarlles.

É a primeira das seis charlas que se van impartir nesta prisión. O obxectivo da mesma: lograr introducir en cada un dos internos o gusanillo por este medio de comunicación.

Mentres, noutro módulo, os responsables do cárcere están executando unha importante iniciativa: a reforma dun espazo para instalar, no mesmo, un estudo de radio. "Un lugar agradable onde escapar, por uns minutos, da rutina da prisión", explícanos Carlos, a educador do centro. "Alí podreis emitir, durante unhas horas, varios programas á semana dedicados á prisión", explícalles aos internos apuntados a esta actividade. "Pero antes teneis que formarvos".

E para iso estamos nós alí, os xornalistas de AGARESO. Primeira xornada e moitas preguntas. Algúns levaron un caderno para apuntalo todo. Outros só queren saber como é iso de facer radio.

Nós explicámoslles a diferenza entre os medios públicos e os privados. Facémoslles entender por que cada emisora de radio conta as novas á súa maneira. Por que é importante o debate, a liberdade de prensa e a pluralidade de pensamento.

Evidentemente, tamén fixémoslles entender o diferente que é o xornalismo deportivo, o informativo e por suposto, a prensa rosa. E o entenden.

Comezan a debater sobre política... "Estámonos desviando", asegura Carlos e todos sonríen. E é que puideron, durante unha hora e media debater de todo tipo de cousas e escoitar como, fóra dos muros da prisión, traballan "os rapaces da radio".

Avanzamos lixeiramente no noso obxectivo: conseguir que os vinte internos estean listos e preparados para o día no que se abran os micros e as ondas do cárcere da Lama énchanse do son das súas voces.

Aínda queda moito por facer pero todos parecen moi interesados en participar e colaborar. "A radio só funciona se se traballa en equipo", lémbralles Juan de Sola, presidente de AGARESO. Os internos asenten con xestos porque saben que están aí para iso, para crear a sua Radio do Módulo 8.